domingo, 30 de outubro de 2022

COMEZAMOS

 O día 24 de outubro comezamos a poñer en funcionamento o Clube de Lectura de Cómic Manga no IES Pedro Floriani. A acollida non puido ser mellor, pois chegamos aos 40 participantes, contando con alumnado de 1º ESO, 2º ESO, 4º ESO e Bacharelato. Moitas grazas pola vosa enerxía e ilusións.

O ansiado momento do inicio do Clube de Lectura comezou ás 14.30. A esa hora xuntámonos no Salón de actos e, mentres comiamos, contemplamos un fragmento do anime A viaxe de Chihiro.

Arredor de 45 minutos máis tarde, dividímonos en dous grupos: o alumnado de 1º ESO e 2º ESO desprazouse á biblioteca do centro coa incombustible Inés e con Santi; polo contrario, o alumnado de 4º ESO e Bacharelato desprazouse a outra aula cos docentes Pablo e Marta.

Nesta sesión introdutoria tivemos a oportunidade de ler os cómics manga cos que conta o centro, de escoitar os vosos grandes coñecementos sobre anime e manga e, finalmente, suxerístenos algúns títulos para adquirilos:

1. Ijiranaide, Nagatoro-san

2. Shin Chan

3. One-Punch Man

4. Guardianes de la noche 

5. Ataque a los titanes 

6. Dr Slump

7. Komi-san no puede comunicarse

8. Los dioses mienten.

Pola súa banda, o alumnado de 4º ESO  e Bacharelato realizou entusiastas comentarios sobre as súas vivencias en exposicións relacionadas coa cultura manga e anime como, por exemplo, a ExpoOtaku ou a Japan Weekend. Os seus comentarios estiveron apoiados por proxeccións no encerado dixital.

Grazas por esta primeira reunión ilusionante. Volvémonos ver o 28 de novembro.




 

1 comentario:

KOKORA